3 de decembro (Día mundial da discapacidade)
Hoxe celébrase o día mundial da discapacidade,
un día no que alzamos a voz para que nos escoiten, para manifestar que somos
coma eles a pesar das limitacións que temos, que queremos formar parte da
sociedade, que somos persoas que podemos traballar, coidar das casas y das nosas
familias.
Pero necesitamos melloras para concienciar a
todos, poñer os medios para que a xente que non pode optar a transportes
públicos, locais, baños adaptados poida facelo sen restarlles autonomía.
Este ano poñemos o foco especialmente na zona
rural, para que non se queden sen acceso a recursos. Todos temos as mesmas necesidades e os mesmos dereitos.
Dende o noso blog queremos faceros chegar o
manifesto que elaborou COGAMI para esta data tan sinalada e uns vídeos cos que queremos
aportar o noso gran de area a esta importante causa.
MANIFESTO
▪ As
mulleres e os homes con discapacidade que residen en áreas e zonas rurais
constitúen un grupo de poboación numeroso (que supera en Galicia as 100.000
persoas e no conxunto de España ascende ao millón) con índices de exclusión
social moito maiores e carencia de apoios e recursos en relación á poboación
urbana con discapacidade, o que supón unha presión constante e crecente para
abandonar este medio. As persoas con discapacidade e as súas familias deben ser
consideradas como axentes clave na transformación do medio rural nunha contorna
inclusiva, na que todas as persoas poidan despregar o seu potencial humano.
▪ Reclamamos
a necesaria aprobación dunha Estratexia Estatal de Desenvolvemento Rural
Inclusivo, con enfoque de xénero e transversal, que posibilite a participación,
acceso a dereitos e benestar social, das persoas con discapacidade e as súas
familias, favorecendo o seu arraigamento e a continuidade en contornas rurais
que actualmente corren perigo de despoboamento e abandono. Todo iso con arranxo
ao marco de referencia da Convención Internacional sobre os Dereitos das
Persoas con Discapacidade e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das
Nacións Unidas.
▪ É
preciso promover o empoderamento das mulleres e nenas con discapacidade
residentes no rural, de forma que ningunha quede atrás. Un desenvolvemento
rural inclusivo non pode entenderse sen a dimensión de xénero, que baixo un
enfoque interseccional, teña presentes e dea resposta ás necesidades das
mulleres e nenas con discapacidade residentes no medio rural, as máis
invisibles, actualmente sometidas a índices máis elevados de exclusión, pobreza
e violencia, así como das mulleres coidadoras de persoas con discapacidade.
▪ As
políticas públicas deben potenciar a xeración de novos xacementos de emprego no
mundo rural, incluído o emprendemento, que permitan a súa transformación e a
creación de riqueza e emprego inclusivo de calidade.
▪ Cómpre
adecuar a lexislación vixente ao financiamento de medidas e servizos dirixidos
a dar atención ás persoas con discapacidade no medio rural, de forma que se
poidan impulsar medidas especiais para evitar a migración e desarraigo do
rural.
▪ É
determinante a coordinación e o traballo en rede entre entidades- plataformas-
institucións representativas da discapacidade e das persoas en risco de
exclusión e do desenvolvemento rural dirixidas a atender as necesidades das
persoas residentes no medio rural, así como deseñar e implantar apoios e recursos
de promoción e atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias.
▪ Debe
deseñarse unha estratexia conxunta entre as distintas instancias, estruturas,
plataformas e entidades na loita contra o despoboamento do medio rural, que
mitigue a presión constante á que se ven sometidas as persoas con discapacidade
e as súas familias para abandonar o campo e trasladarse de modo non querido a
zonas urbanas. O movemento CERMI, do que COGAMI e as súas entidades membro
forman parte, achegará ao Foro Nacional de Despoboamento o enfoque do sector
social da discapacidade en relación coas estratexias contra o despoboamento do
medio rural.
▪ Cómpre
dispor de estudos, investigacións e análises estatísticas, sociolóxicas e
económicas que permitan coñecer a realidade das persoas con discapacidade e das
súas familias residentes no medio rural para sustentar a futura estratexia
nacional de desenvolvemento rural inclusivo que reclamamos con urxencia aos
poderes públicos.
Redactores do blog: Jose Manuel, Marité, Cristina e Marga